martes, 3 de marzo de 2009

TEMPUS FUGIT (por sorte e por desgracia)


Si, parecía imposíbel, como cada vez, pero o tempo voltou a facelo, rematou con todo. Despois de rectas paralelas que se cortan, despois de polinomios de Taylor e funcions implicitas, e despois de chegar ao cumio da abstración; despois de pelexar con Desargues, Pappus, Young, Schwarz, Hausdorff, Kolgomoroff, Moibus, Klein .... a matematica parece que sairá da miña cabeza por uns días, polo menos ata que novos problemas, novos teoremas, novos nomes comencen a encher as páxinas dos meus apuntes e a curiosidade da miña persoa.




Polo momento intentarei volver ao "mundanal ruido" ata que o tempo, o mesmo que me trouxo ata aqui, me devolva á senda.



Espero que a perspectiva sexa só perspectiva e non acabemos todos chocando nun punto do infinito, aínda que en certa maneira sería unha fermosa alegoría sobre o paralelismo das nosas vidas..........

domingo, 14 de diciembre de 2008

Chove

Desperto, outro día á deriva.

Dende a fiestra observo: todo parece seguir unha lei da que é imposible escapar.
O bafo provocado pola miña respiración asmática fai que, pouco a pouco, a imaxe que teño ante min sexa case esperpéntica.

Todo me resulta difícil, se hai unha lei que explique o que sucede, o meu intelecto é incapaz de formulala e moito menos de chegar a comprendela.



Felicidade e tristeza altérnanse na vida como a tormenta e a calma. Claro que non todo é tan absoluto e tamén hai nubes e claros.

Un cre que chega o momento da súa vida na que se convertiu nun experto meteorólogo e que as súas previsións son tan boas que lle permiten non verse sorprendido por ningunha destas tempestades. Pero un día saes da casa, non levas paraugas, comeza a chover e móllaste. En Santiago chove moito.

O mellor é sair co paraugas e se chove de xistra buscar un refuxio canto antes. Non é bon que a choiva se che meta nos ósos.

Chegar a acostumarse á climatoloxía cambiante e a saber que facer cando isto ocorre é a mellor maneira de disfrutar do sol pero tamen da choiva. É mellor que calquera previsión, pois na previsión podemos atopar o erro, mentras que este adestramento achega o coñecemento necesario para saber que non sabemos nada e que calquera outro día sairemos da casa sen paraugas e...

martes, 9 de diciembre de 2008

Terra firme

Lonxe do mar comeza a miña viaxe pola rede de redes. Sen unha idea fixa, sen unha intención, sen un afán creativo nin innovador nin nada que demostrar a este mundo. Só, a necesidade de amosar as miñas verbas, verbas que co tempo se tornaran ilexibles e que pouco a pouco desaparecerán na inmensidade virtual, ao igual que lle ocorre a todo aquilo que o mar devora coas idas e vidas da marea. Nunha desas idas e vidas eu mesmo me vin sorprendido, e non sei moi ben como acabei lonxe do meu ser,lonxe, lonxe, lonxe do mar.